15 mar 2011

Máis Cunqueiro: desta vez porque foi quen de poñer ao mago Merlín a falar en galego (... sen normativa, nin tradutores on-line!)

Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo, 1911 -Vigo, 1981

Louvado sexa Deus
porque me permitiu nacer, medrar, facerme home e agora envellecer neste grande reino que chamamos Galicia; neste grande reino do Fisterra que vai desde os montes ata o mar, onde brillan os pés do vento; este país dos dez mil ríos, do vello camiño das peregrinacións, este país dos mil vales, este país fermoso e eternamente verde, Patria querida, a terra no senso barresiano: as patrias son a terra e os mortos.
Grazas a Deus por este Reino.
Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don da fala.
Por terme ensinado a dicir "rula" e "abidueira"
e "dorna" e "ponte" e "fonte",e entón eu sabendo estas palabras era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.
As miñas invencións, e as miñas maxias teñen embargante
un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago,
eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase,
porque a duración da fala é a única posibilidade
de que nós duremos como pobo.

Eu quixen que Galicia continuase, e ó lado da patria terreal,
da patria que son a terra e os mortos,
hai esta outra patria que é a nosa fala.
E se de min algun día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "aquí xace alguen que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

http://culturagalega.org/noticia.php?id=19579&soportal=lg3

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario