30 jun 2011

Xadrez para todos. Manuais de iniciación e perfeccionamento tamén en galego. Feliz verán!


Xadrez para Todos, unha colección composta por diversos manuais de iniciación e perfeccionamento deste antigo xogo de estratexia, xa dispón de dous novos volumes en lingua galega. Trátase das obras necesarias para conseguir un nivel intermedio neste deporte, Intermedio 1 e Intermedio 2.
Logo de facilitar a edición en galego do primeiro e do segundo manual de iniciación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de poñer á disposición da cidadanía, en lingua galega, os dous volumes que completan o nivel intermedio da colección.
Estes dous novos manuais inciden en diversos conceptos tácticos e de estratexia, que afondan nos contidos da apertura, na táctica no medio xogo e no final da partida.
Iniciación 1 e 2
Estes dous novos volumes complementan o primeiro manual de iniciación, pensado para aqueles que queren adentrarse por primeira vez neste xogo. E tamén se lle dá continuidade ao segundo volume da colección, Iniciación 2, que afonda nos conceptos xa aprendidos, reflexionando sobre os erros máis comúns, as aperturas e os finais básicos.
Xadrez para Todos confórmano materiais pedagóxicos para o ensino do xadrez nos ámbitos educativo, deportivo e lúdico artellados a través dun completo currículo en contidos e en obxectivos axeitados para poder ensinar e aprender o xogo do xadrez dunha forma doada, pedagóxica universal e continuada. Ao mesmo tempo, para facilitar a aprendizaxe, as obras desta colección presentan, mediante un importante apoio visual, os conceptos do xadrez de forma progresiva. Tamén formulan exercicios de dificultade gradual para cada concepto explicado co fin de favorecer a súa aprendizaxe.
A metoloxía destas publicacións permite unha aprendizaxe autodidacta, aínda que sempre se conseguirá un mellor aproveitamento dos contidos traballando cos profesores ou con outros compañeiros.
Xadrez para Todos é unha colección promovida por Balàgium Editors. Ao facer posible a súa dispoñibilidade en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca contribuír a ampliar os recursos didácticos nesta lingua dirixidos ao ámbito do ensino do xadrez. Deste xeito, a existencia dun material didáctico en galego e accesible para todos convértese nunha ferramenta fundamental para docentes e monitores, que con esta obra dispoñen dunha serie de recursos de calidade pedagóxica.
As virtudes do xogo do xadrez para o desenvolvemento cognitivo son coñecidas desde vello. Pero este deporte constitúe, ademais, unha valiosa ferramenta para compartir un tempo de lecer con outras persoas, de calquera idade. Malia todo, as publicacións existentes sobre a estratexia deste xogo non son moi numerosas. Isto fai aínda máis merecente de celebración a aparición destes materiais en galego, que nos permiten acceder ao xadrez desde a lingua galega.

Libros publicados desta colección:

•Nivel de iniciación
◦Iniciación 1
◦Iniciación 2

•Nivel intermedio
◦Intermedio 1
◦Intermedio 2

Pódense descargar os manuais PDF en:
http://www.xunta.es/linguagalega/xadrez_para_todos

17 jun 2011

O IES As Mercedes co "ARDE LUCUS" MMXI

Nos xardíns exteriores do noso IES (Avda. de Madrid nº 75), as alumnas e alumnos dos ciclos Medio de Comercio e Superior de Márketing, coa inestimábel colaboración do ciclo de Carrozaría, colocaron hoxe pola mañá traballos realizados nos seus obradoiros con temas referidos a todo o que nestes días desfrutamos na nosa cidade de Lugo. Con esta exposición, promovida pola Dirección do IES e coordinada polo profesor J.M. Castro (neste caso máis "castrexo" ca nunca) tratamos de colaborar co noso contorno e cidade -a nosa fraga amurallada- na celebración do ARDE LUCUS MMXI. Estades tod@s convidad@s. Ave!


16 jun 2011

Os ENDL cumprimos 20 anos defendendo o galego (1991-2011)

Os ENDL (agora EDLG) están formados por profesionais do ensino que loitamos a prol da difusión e promoción do galego.
Estes equipos crearon unha Coordinadora Galega (CGENDL) que naceu en abril de 2009 para coordinar actividades e experiencias dos equipos de toda Galicia, e ademais servirlle de voz pública aos ENDL que traballan nos centros de ensino.
Entre os nosos obxectivos están os de contribuír ao fomento da lingua galega na comunidade educativa e no contorno social, contar cunha voz representativa do colectivo de ENDLs nas relacións coas administracións (Xunta, deputacións, concellos, servizos de normalización, etc.), ou organizar accións conxuntas para todos os ENDL, optimizando así recursos e enerxías.

A CGENDL pretende ademais :
1- Que a lingua galega siga sendo parte do patrimonio cultural da identidade galega e, como tal, un ben común que nos una.
2- Que se garanta que todo o alumnado sexa competente en lingua galega ao final do ensino obrigatorio.
3- Que non se discrimine o alumnado galegofalante, tal como se regula na lexislación vixente.
4- Que na actual situación sociolingüística de Galicia, na que o galego está a perder falantes -como demostran os datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia- o sistema educativo ofreza ao alumnado espazos de uso, porque as linguas apréndense usándoas.
5- Que o alumnado estea formado para, dende o galego, poder desenvolverse nunha Europa plurilingüe.

Grazas a todos os que colaboran connosco.
Nesas estamos...
Máis na súa (e nosa, e vosa...) web:
http://www.coordinadoraendl.org/entrada.php
http://www.planetaki.com/normalizagaliza#start

Máis vídeos vía http://www.galiciaconfidencial.com/nova/8065.html

6 jun 2011

Valentín Paz Andrade para as Letras Galegas de 2012


A polifacética traxectoria de Valentín Paz Andrade (Pontevedra, 1898-Vigo, 1987) valeulle ser elixido pola Real Academia Galega como a figura á que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2012.

Valentín Paz Andrade licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e foi durante a súa etapa de estudante cando se achegou ao movemento galeguista, participando na II Asemblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919). Era director do xornal 'Galicia' en 1926 cando foi pechado pola ditadura de Primo de Rivera.

Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con Castelao e Cabanillas, colaborador da redacción do anteproxecto do Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931) e membro activo do Partido Galeguista, do que foi nomeado secretario en 1934.

Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a moitos intelectuais galeguistas e, por causa da súa actividade política e da publicación dalgúns artigos foi detido en diversas ocasións.

As súas colaboracións foron frecuentes nos xornais 'O Pobo Galego', 'Faro de Vigo' e 'A Noite', onde aparecían asinadas con pseudónimos como M., Xan Quinto e Mareiro. Desde 1945, xuntábase para falar e debater no café Alameda de Vigo con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego ou os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez.

O progreso e o avance de Galicia está presente na súa obra, exemplo diso son 'Galicia como Tarefa' (1959), 'A anunciación de Valle-Inclán' 1967), 'A marginacíón de Galicia' (1970), 'Castelao na luz e na sombra' (1982), 'Galiza lavra a sua imagem' (1985).

Na súa faceta poética, a Real Academia Galega (RAG) destaca as achegas realizadas desde 'Soldado dá morte' (1921), 'Pranto matricial' (1954), 'Sementeira do vento' (1968), 'Cen chaves de sombra' (1979) ou 'Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo' (1985).

Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1964 e numerario a partir de 1978, cando deu lectura ao preceptivo discurso que titulou 'A galecidade na obra de Guimaraes Rosa', e que foi respondido en nome da institución por Álvaro Cunqueiro.



Foi o primeiro impulsor, xunto con Manuel Fernández, da primeira gran multinacional galega, Pescanova. Trala fundación desta empresa, da que foi dende 1960 vicepresidente, seguiu desenvolvendo unha activa laboura como ensaista literario, histórico e económico sobre o progreso de Galiza especialmente nas súas relacións comerciais internacionais a traverso do sector pesqueiro.

Trala morte de Franco, Paz Andrade representou a Galiza na Comisión dos Dez que negociou a transición co Goberno de Adolfo Suárez. Elixido membro da Real Academia en 1964, non pronunciou o seu discurso ata 1978, sendo xa senador por Pontevedra nas primeiras Cortes democráticas. O seu patriotismo tamén destaca na súa obra poética. Formou parte da Xeración de 1925.

Con sorpresa e moita gratitude acolleu a súa familia a elección do próximo Día das Letras Galegas, segundo manifestou o seu fillo Afonso Paz Andrade, actual vicepresidente de Novacaixagalicia e conselleiro de Pescanova.

Máis información na Galipedia:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Valent%C3%ADn%20Paz-Andrade
Ou na páxina do autor:
http://www.valentinpazandrade.es/gl/portada
Cando ti volvas... Valentín Paz-Andrade : son de poetas
Blog do Recanto de Mik:
https://sites.google.com/site/recursosletrasgalegas/valentin-paz-andrade )