8 jul. 2013

IES versus CIFP. As Mercedes (LUGO). Estado da cuestión.

NOTICIA-ENTREVISTA: “EL PROGRESO”  (mércores 3  de Xullo de 2013)
                                                                             http://elprogreso.galiciae.com/

JOAQUÍN EXPÓSITO LÓPEZ,
NOVO DIRECTOR DO CIFP AS MERCEDES
                                    
Será o encargado de dirixir o segundo centro integrado de FP co que conta a cidade de Lugo, As Mercedes, logo dunha transformación que trouxo moita polémica.


«Contábase que tarde ou cedo As Mercedes
sería centro integrado de FP»

JOAQUÍN EXPÓSITO LÓPEZ: É profesor da familia de Automoción e leva oito anos impartindo docencia no IES As Mercedes, que agora pasa a ser CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional). Ao novo director non o pillou por sorpresa a transformación que fixo a Xunta porque, di, a FP sempre foi clara­mente maioritaria neste centro.

Quen o acompaña no equipo di­rectivo?

Como vicedirector vén Manuel Ro­dríguez Pazos, profesor da familia de Comercio e Márketing, o cargo de xefe de estudos desempéñao José Ferreiro Lence, de Instalacións Térmicas e, como secretario, vén Jesús Crandío Rodríguez, profesor da familia de Automoción.

Como encara esta nova etapa na dirección, despois dunha transfor­mación tan contestada?

O centro contábase que tarde ou cedo se transformaría en Centro Integrado de Formación Profesio­nal. Xa estivemos a punto de selo cando se transformou o Politécni­co, porque a matrícula era maioritariamente de FP. Había cincocentos alumnos e 56 profesores de FP e arredor de 160 alumnos e 28 profesores de ESO e BAC. Deses 28 quedan dous, un orientador e un de inglés.

A sorpresa e o malestar pola trans­formación non son compartidas entón por todo o claustro?

Non, de feito houbo unha solicitude, hai xa anos, aprobada no claustro, para pedir á Xunta que o convertese en centro integrado en FP. Eu aínda non estaba nas Mer­cedes e levo alí oito anos. E no 2011 formouse unha comisión no seno co consello escolar que solicitou á administración melloras para a FP pola cantidade de xente que se matriculaba. Só en Automoción había uns douscentos alumnos. Necesitábase unha mellora na FP. Non digo que a transformación fora boa ou mala, pero é certo que a formación profesional no cen­tro estaba masificada. A demanda que está tendo a FP é incrible.

Como prímeiro director trala trans­formación, que lle espera agora?

Hai que facer unha reorganiza­ción distinta, con sistemas de calidade, pero xa hai unha estrutura feita por parte da Consellería de Educación, porque todos os centros integrados funcionan igual.

Como vai a solicitude de prazas para o curso que vén?

Estamos un pouco asombrados porque está sendo incrible, sobre todo chámanos a atención a can­tidade de xente de corenta ou cincuenta anos que retoma facer outros ciclos. A FP ten que adap­tarse ás demandas da sociedade e está claro que en Lugo temos sectores punteiros: Automoción, Enerxía e Agua, Instalacións Tér­micas, Comercio. O sector produtivo de Lugo xira arredor desas especialidades e a xente demanda reciclarse por esa vía.

Como ve a continuación das de­mandas da plataforma en defensa do IES As Mercedes?

Nós estamos dispostos a colaborar con todo o mundo, pero queremos que este sexa un centro libre e de­mocrático, que nos deixen traballar con autonomía, non queremos que se politice o centro. Iso si, te­mos claro que temos que traballar baixo as normas que rexen os cen­tros integrados. Dito isto, nós non pechamos as portas a ninguén e no que poidamos axudar, axudamos, pero non vamos reivindicar cousas que non son. A min claro que me gusta que o centro teña a maioría de etapas de ensino posi­bles, porque ademais a ESO e o BAC tamén son unha fonte de alumna­do para a FP, pero o protagonismo teno que ter a formación profesio­nal porque neste centro é a oferta máis importante.





Á vista das declaracións da dirección do novo CIFP
que substitúe ao suprimido IES As Mercedes,
esta plataforma cidadá quere manifestar:


1.- Sobre a necesidade de máis espazos para a Formación Profesional.

Nunca negamos a necesidade de ampliar a oferta e os espazos na FP, pero, como traballadores do Ensino Público e ex-traballadores do IES AS MERCEDES, os membros da dirección deberan saber que ningunha ampliación da FP debera resultar incompatible coa permanencia dos niveis de ESO  e BAC.

Esta petición de ampliación de espazos vense realizando, reiteradamente, como ben debera saber o Vicedirector do centro e saben na Consellería de Educación. Dende moito antes  de que o director chegara ao IES As Mercedes. A última foi realizada e presentada ao Claustro, Consello Escolar, Xefatura Territorial e Secretaría Xeral Técnica pola última dirección do IES As Mercedes, moito antes do informe que cita o director do CIFP. E esta necesidade estaba recoñecida, -non sabemos se sigue estando-, pola propia Consellería ao anunciar a licitación do proxecto de ampliación do Centro.

E, unha vez dito ISTO, non debera ser propio de ningunha responsabilidade directiva falar sen estar ben informado ou pretender  transformar as medias verdades en mentiras, porque, en relación á matrícula do presente curso académico e anteriores, o director debera de saber ben que nos ciclos de automoción dos que é profesor nin sequera necesitaron dar de baixa aos alumnos sen asistencia á clase porque non había lista de espera e só na familia de enerxía e auga quedou xente sen praza.

2.- Sobre a necesidade dun novo CIFP para atender ás novas demandas no ámbito da Formación Profesional:

Nunca esta plataforma estivo en contra da ampliación da oferta educativa na Formación profesional. E sempre dixemos (sen que tiveramos que agardar polo Director do CIFP) que, nunha Galicia cun 26% de parados, con alumnos que acaban un ciclo e empezan outro ou que acaban na Universidade e volven á FP, é totalmente natural que aumente a demanda de FP, non tanto como unha ruta cara un posto de traballo que non hai, senón como unha forma de aproveitar o tempo que é necesario atender. Mais, que uns traballadores do ensino público poidan entender que esta nova demanda é incompatible coa permanencia da ESO e BAC; que uns traballadores do ensino público podan aceptar a supresión dun Instituto Público de Ensino Medio sen antes avaliar as necesidades educativas da zona e sen antes avaliar as diferentes alternativas á disposición da Consellería coas que atender ditas demandas; que uns profesores de Formación Profesional acepten as mentiras da Consellería de Educación sen sequera aludir a que en Montirón ten a Xunta de Galicia un Centro cunhas instalacións e uns equipamentos de Formación Profesional totalmente infrautilizadosdemostra, antes de nada, unha total insolidariedade cos alumnos, pais e compañeiros afectados, pero tamén, ben pouco compromiso co ensino público que agora teñen a responsabilidade de axudar a xestionar, -supoñemos que con criterios de eficiencia-, dende os seus respectivos cargos na dirección do CIFP.

3.- Sobre a “inevitable” supresión do IES AS MERCEDES para transformarse nun Centro Integrado de Formación Profesional

Se interpretamos ben a expresión do director do CIFP, a desaparición do IES AS MERCEDES para transformarse en Centro Integrado de Formación Profesional era unha constatación palpable dende xa antes da desaparición do IES Politécnico. Descoñecemos que fontes de información a este respecto pode ter o Director do CIFP, pero queremos advertilo de que con elo vén de facer unha moi grave acusación contra os actuais responsables da Consellería de Educación: acaba, de feito, de acusalos de absoluta incompetencia, por, despois de dous anos, no momento de publicarse o decreto de (des)integración,  non seren capaces de ter previsto, por exemplo, qué centros de ensino poderían dar acollida aos alumnos do IES AS MERCEDES.

Ademais do dito resulta inaceptable que un profesor dun IES poda argumentar a favor do CIFP, que fronte a 500 alumnos e 56 profesores de Formación Profesional só houbera na ESO 160 alumnos e 28 profesores, sen antes explicar a diferente oferta e estrutura dun e doutros niveis do ensino. Se o director do CIFP quere comparar o diferente nivel de matrícula, -500 fronte 160-, está a fabricar unha inaceptable manipulación en canto ás cifras de alumnos e profesores na FP. A pouco que un se molestara en revisar os ciclos de FP que se impartían no IES AS MERCEDES e fixera unha suma estaríase equivocando nun 20%.  A partir desta mentira, a ratio alumno/profesor que se queira sacar resulta absolutamente falsa e, de todas formas, conviña que tamén o director dun CIFP soubera que mentres na FP non hai optativas, nos niveis da ESO hai que ofertarlles aos alumnos diferentes optativas (incluída a Relixión) e, a maiores, hai dous grupos de PDC, un grupo de PCPI e ten que haber profesores para reforzo educativo, adaptacións curriculares e profesores terapéuticos para alumnos con minusvalías. Ou sexa que non poden compararse desta forma as necesidades en recursos humanos duns niveis e doutros, como tampouco se poden comparar os requirimentos en recursos económicos e equipamentos duns e doutros.

Se en lugar copiar as mentiras fabricadas pola Consellería, tivera visto a evolución da matrícula e avaliado minimamente o crecemento da poboación escolar da zona as conclusións terían que ser outras.

4.- Sobre o apoio do claustro de profesores á reivindicación desta plataforma

Esta plataforma sempre soubo que, dentro do Claustro de Profesores, non había unanimidade. Nin tampouco a necesitamos: chéganos co convencemento de que se trata dunha reivindicación absolutamente xusta e, en todo caso, expresar a nosa satisfacción por contar cunha moi ampla maioría do claustro e coa totalidade do equipo directivo.
Pero o que é absolutamente ilexítimo, sexa en boca do Director Xeral de Educación e Formación Profesional, na boca do Delegado Territorial, na boca da Inspección Educativa, na boca da Concelleira do PP ou na boca dun exprofesor do IES AS MERCEDES traer aquí, en defensa do CIFP, que o claustro de profesores tivera solicitado hai 8 anos  pasar a ser Centro Integrado de Formación Profesional:
- En primeiro lugar, porque tería sido unha petición de hai oito anos e non de hoxe;
- E, en primeirísimo lugar, porque non ten sido un acordo do claustro de profesores, senón unha proposta de acordo que a familia de automoción (á que pertence o director do CIFP) leva ao Consello Escolar e que de forma ilegal alguén certificou sen se producir ou antes de que se producira.

A Zona Sur de Lugo necesita un Instituto de Ensino Público
e nesta reivindicación imos continuar


CAMBIAN DE NOME: 

PERO SEGUIMOS NECESITANDO O IES

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario