Estatuto de Autonomía de Galicia


ARTIGO 5

1. A lingua propia de Galicia é o galego.

2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e
todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.

3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial
dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en
tódolos planos da vida pública, cultural e informativa,
e disporán os medios necesarios para
facilitar o seu coñecemento.

4. Ninguén poderá ser discriminado por causa de lingua

Texto íntegro do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981 (da páxina da Xunta de Galicia) en:
http://www.xunta.es/titulo-preliminar



HISTORIA DE ESTATUTO



Lei orgánica que lle otorgou a autonomía á comunidade galega. A aparición do nacionalismo en Galicia a principios do s XX trouxo consigo os xermes organizativos e os primeiros textos que reclamaban a descentralización do Estado español e as conseguintes transferencias de poder.


Estatuto de 1936

Coa proclamación da Segunda República iniciouse o proceso para levar á práctica os desexos autonomistas. Anteriormente á aprobación do texto constitucional, déronse dúas tentativas iniciais. A primeira, na Asemblea pro-Estatuto do 4 de xuño de 1931, convocada pola ORGA-FRG (Organización Republicana Gallega Autónoma-Federación Republicana Galega) na Coruña, e á que acudiron representantes de diversas agrupacións galegas; entre elas, as de emigrantes en América, da Universidade de Santiago de Compostela, do Seminario de Estudios Galegos, do maxisterio, de colexios de avogados e dalgunhas agrupacións socialistas, se ben a gran maioría estaba constituída polos republicanos dos colectivos convocantes. Cómpre destacar as figuras de Antón Villar Ponte, Ramón Suárez Picallo, Manuel Lugrís Freire e Luís Peña Novo. Aprobouse un primeiro texto a partir de catro borradores: o do Seminario de Estudios Galegos, o Proyecto de Bases do Instituto de Estudios Gallegos da Coruña, as Bases do Secretariado de Galicia en Madrid e a ponencia da FRG. O debate centrouse nesta última que caracterizaba a Galicia como Estado autónomo dentro da República Federal Española e establecía un Parlamento unicameral, a cooficialidade do castelán e do galego, a autonomía universitaria, o recoñecemento da personalidade da parroquia rural e a concesión de amplas atribucións ós tribunais de xustiza galegos. O proxecto fíxose inviable dada a oposición xeneralizada da Asemblea. Pasouse así a debater un segundo texto nunha nova convocatoria celebrada en Madrid nos meses de setembro e outubro. O novo texto resultante definía a Galicia como rexión autónoma, non constataba un réxime especial para a Maxistratura e remitía as atribucións da rexión á Constitución republicana. A posta en marcha do proceso autonómico deixábase en mans dos parlamentarios galegos en Madrid. Aínda que este novo proxecto contaba cun maior apoio social, quedaban fóra importantes apoios, entre outros, os do Partido Radical, o PSOE e a dereita republicana. Promulgada xa a Constitución republicana, e en cumprimento dos seus preceptos, o concello de Santiago de Compostela tomou a iniciativa de convocar a todas as corporacións municipais para iniciar o proceso de redacción e aprobación dun estatuto de autonomía. A primeira reunión celebrouse neste concello o 3 de xullo de 1932 e contou coa asistencia de representantes dos máis importantes concellos galegos, delegacións de asociacións culturais e económicas, e deputados galegos nas Cortes: catro da ORGA, tres do Partido Galeguista (PG) e un republicano conservador. A comisión redactora (M. Lugrís, Alexandre Bóveda e Salvador Cabeza de León) elaborou un estatuto composto de 49 artigos, agrupados en 6 títulos (I: Preliminar; II: Poder rexional; III: Atribucións da Rexión; IV: Facenda Rexional; V: Disposicións xerais e VI: Réxime Transitorio), que establecía como órganos do poder a Asemblea Lexislativa, formada por deputados elixidos por tres anos mediante sufraxio universal, segundo un sistema de representación proporcional; o Presidente, elixido por votación popular directa e secreta por catro anos; e a Xunta de Galicia, composta por un número de membros determinado pola Asemblea. Consideraba a Galicia como rexión autónoma, establecía a cooficialidade idiomática e contemplaba un exhaustivo relatorio de atribucións entre as que cómpre salientar as referentes ó réxime local, á lexislación civil, ó réxime agrario, á facenda rexional e ó patrimonio histórico e cultural. Para os conflitos de competencias o texto remitía a súa resolución ó Tribunal de Garantías Constitucionales. O proxecto foi aprobado na Asemblea de Municipios convocada en Compostela os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932, en que resultou finalmente aprobado co voto afirmativo de máis do 75% dos concellos. O seguinte paso no proceso de implantación do estatuto era a consulta popular, para o que se precisaba a súa autorización a través de decreto gobernativo. O goberno presidido por Santiago Casares Quiroga demorou o decreto ata o 27 de maio de 1933, feito que deu lugar a fortes críticas por parte do nacionalismo galego, lideradas polo PG, e reflectidas nas páxinas de El Pueblo Gallego e A Nosa Terra. O plebiscito celebrouse trala vitoria electoral do Frente Popular, o 28 de xuño de 1936. Votaron a favor case un 75% do censo electoral, co que se superaba amplamente o mínimo esixido constitucionalmente. O 15 de xullo unha representación do Comité Central de Autonomía entregoulle ó presidente das Cortes o proxecto de Estatuto Galego; tres días despois tivo lugar o alzamento militar e o inicio da Guerra Civil. O Estatuto non pasou ó Parlamento ata a reunión de Cortes do 1 de febreiro de 1938, en Montserrat, e non foi aprobado ata a reunión de Cortes da República Española celebrada en México en 1945. O Estatuto nunca puido entrar en vigor.

> http://es.wikipedia.org/wiki/Proyecto_de_Estatuto_de_Autonom%C3%ADa_de_Galicia_de_1936


Estatuto de 1981



O proceso autonómico galego, iniciado durante a Segunda República e frustrado pola Guerra Civil e a longa paréntese da etapa franquista, non foi retomado ata que a desaparición do réxime permitiu novas inicativas neste eido. Houbo que agardar ata o 25 de xullo de 1977, data en que a Asemblea de Parlamentarios de Galicia, formada polos deputados e senadores elixidos nas catro circunscricións galegas e polos senadores galegos de designación real e constituída no pazo de Raxoi en Santiago de Compostela, recolleu o sentir manifestado nos meses anteriores por diferentes personalidades políticas galegas e elaborou o proxecto de réxime da preautonomía de Galicia, que sería aprobado por unanimidade no Parlamento e presentado ó presidente Adolfo Suárez en outubro dese mesmo ano. Sen embargo, a aprobación do proxecto atrasouse en Madrid por mor de diferentes cuestións que suscitaban controversia, como a bandeira, o himno, o goberno, o idioma e a persoa que debería desempeñar o cargo de presidente, entre outras. Ante esta situación, a maioría das forzas políticas con presenza en Galicia convocaron unha manifestación en apoio do estatuto, que o día 4 de decembro foi secundada por máis de medio millón de persoas que reclamaban un estatuto para Galicia e protestaban polos atrancos que se estaban a poñer dende o Goberno central. Logrado o consenso, o Real Decreto-Lei 7/1978 de 16 de marzo aprobou o réxime preautonómico de Galicia, que entrou en vigor trala súa publicación no BOE, o 18 de marzo de 1978, un día antes de que viran a luz os respectivos de Aragón, Canarias e València, co que se pretendeu simbolizar o carácter de autonomía histórica de Galicia. Neste decreto recoñeceuse a Xunta de Galicia como o órgano de goberno da autonomía galega, con plena personalidade xurídica para os fins que se lle encomendaran, se ben non se lle outorgaba capacidade normativa; un mes despois constituíuse un goberno galego provisorio, con Antonio Rosón Pérez como presidente. Posteriormente, reuniuse a Asemblea de Parlamentarios que decidiu nomear unha comisión que se encargase de elaborar un anteproxecto de estatuto, tendo en conta as achegas que fixeran previamente os partidos, sindicatos e entidades diversas. Esta comisión quedou formada finalmente por 16 persoas: 8 de UCD (P. González Mariñas, L. García Mariñas, V. Vázquez Portomeñe, L. Cordeiro Rodríguez, R. Álvarez Cid, X. M. Álvarez Ramos, P. Padín e M. Reimóndez Portela), 2 de AP (A. Carro Martínez, substituído por M. Vázquez Río, e F. Puy Muñoz), 2 do PSdG-PSOE (X. L. Rodríguez Pardo e I. Tizón), 1 do PCG (A. Guerreiro), 1 do POG (C. Nogueira), 1 do PG (L. Sobrado, substituído por X. Manteiga) e 1 do PTG (F. Solla), e actuaba como presidente da mesma Manuel Reimóndez. Desta comisión autoexcluíronse o PSG e o BN-PG. O “grupo dos 16” iniciou o seu traballo o 10 de xaneiro de 1979; estudiou as comunicacións, anteproxectos e suxestións recibidas e tres meses máis tarde presentoulle as súas conclusións ó presidente Rosón o 9 de abril. O anteproxecto consensuado pola comisión constaba de 50 artigos, 7 disposicións transitorias, unha disposición adicional e outra final. Sen embargo, este anteproxecto non foi aceptado sen máis, producíndose dous feitos destacados. Por unha parte, a Asemblea de Parlamentarios decidiu, no mes de maio, nomear outra comisión para redactar o definitivo texto legal a partir do elaborado pola anterior comisión; por outra, Rosón, que reiterara a necesidade de que o estatuto definitivo estivese lexitimado pola participación nel das forzas e personalidades galeguistas e nacionalistas, foi apartado do seu cargo á fronte da Xunta de Galicia e substituído por Xosé Quiroga Suárez, senador da UCD por Ourense, no mes seguinte. A nova comisión designada pola Asemblea estivo formada por nove deputados: 6 da UCD (X. L. Meilán Gil, P. Cabanillas Gallas, X. Mª Pardo Montero, D. Pérez Puga, X. Quintás Seoane e M. Sanmartín Losada), 2 do PsdG-PSOE (X. Vázquez Fouz e C. Montero) e 1 de CD (X. Tejada Lorenzo), que entregaron o seu proxecto de Estatuto á Asemblea de Parlamentarios o 25 de xuño de 1979, aprobado por unanimidade e presentado, tres días máis tarde, ó presidente das Cortes. O 25 de setembro nomeouse unha comisión formada por 26 membros, 13 da Comisión Constitucional e 13 da Asemblea de Parlamentarios de Galicia, encargados de estudar o proxecto e as case 400 emendas presentadas ó mesmo. A mediados de novembro esta comisión fixo público o seu informe e, ó mes seguinte, a Comisión Constitucional do Congreso comezou a súa discusión. Rematado o seu traballo, o proxecto xurdido foi aprobado tanto nesta Comisión como na Asemblea de Deputados, mais non por unanimidade, co que se rachaba o consenso político que ata agora caracterizara o proceso. O motivo principal deste desacordo era a inclusión dunha claúsula que recortaba as competencias de Galicia e que se interpretaba como un freo do Goberno central ás arelas autonomistas galegas e como un agravio comparativo con respecto ós estatutos catalán e vasco, aprobados con anterioridade. O “Estatuto da aldraxe”, como se denominou entón, foi fortemente contestado dende os diferentes ámbitos da sociedade galega; constituíuse, daquela, o colectivo Realidade Galega que reclamaba para Galicia un estatuto sen rebaixas. O proceso paralizouse ata setembro de 1980. O 29 deste mes, nunha reunión celebrada no Hostal dos Reis Católicos compostelán, as forzas políticas presentes (UCD, PSOE, AP, PCG, PSdG-PSOE e PG) debateron e reformaron algúns dos aspectos máis conflitivos, co que lograron consensuar un novo proxecto que foi aprobado pola Asemblea de Parlamentarios e pola Comisión Constitucional, e publicado no Boletín das Cortes o 4 de novembro de 1980. O seguinte paso foi a convocatoria por medio do Real Decreto 2400/1980, de 7 de novembro, dun referendo para a súa aprobación popular, feito que aconteceu o 21 de decembro, se ben cómpre sinalar que este referendo foi moi escaso pois a abstención chegou ó 72% do censo electoral e arredor de 1/5 dos votos emitidos foron negativos. Finalmente, foi ratificado polo Congreso de los Diputados o 17 de febreiro de 1981 e polo Senado o 17 de marzo e promulgado a través da Lei Orgánica 1/1981, de 6 de abril, que regula o Estatuto de Autonomía de Galicia, e publicado no BOE o 28 de abril e no DOG nº 24 de outubro. A estrutura quedou fixada en 27 artigos distribuídos en Título Preliminar (artigos 1-8); Título I: do Poder Galego (artigos 9-26), subdividido en 3 Capítulos: do Parlamento, da Xunta e o seu Presidente e da Administración de Xustiza; Título II: das competencias de Galicia (artigos 27-38), con 2 capítulos: das competencias en xeral e do réxime xurídico; Título III: da Administración Pública Galega (artigos 39-41); Título IV: da Economía e Facenda (artigos 42-55); e Título V: da Reforma (artigos 56-57). Contén ademais catro disposicións adicionais e sete disposicións transitorias. Baixo esta estrutura, o Estatuto configurouse como a norma institucional básica da Comunidade Autónoma galega, que posúe a súa propia bandeira, o seu himno, o seu escudo, e que dispón dunha lingua propia, cooficial coa lingua castelá. A Comunidade exerce os seus poderes a través do Parlamento, a Xunta e o Presidente. O Parlamento, composto por 65 deputados, elixe o presidente da Xunta, exerce a potestade lexislativa e controla a acción do executivo; a Xunta constitúese como órgano colexiado de goberno e componse dun presidente, un ou máis vicepresidentes e os conselleiros; o Presidente da Xunta coordina e dirixe a acción da Xunta e ostenta a representación da comunidade e do Estado en Galicia. No capítulo de competencias correspóndelle á comunidade a exclusividade, entre outras, da organización das súas institucións de goberno, da ordenación do territorio, obras públicas non cualificadas de interese xeral, aproveitamentos hidraúlicos e forestais, pesca nas rías e marisqueo, agricultura e gandería, promoción do ensino do galego e a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego. No título III, sobre a administración pública galega, recoñece a personalidade xurídica da comarca como entidade local e da parroquia rural. No eido económico-financeiro, o Título IV establece as competencias da comunidade entre as que salientan a capacidade para emitir débeda pública, a tutela financeira sobre os entes locais, a xestión e recadación dos seus propios tributos e a elaboración e aprobación do presuposto da Comunidade Autónoma. O artigo 56 establece o procedemento que se debe seguir para a reforma do Estatuto, a iniciativa da Xunta, do Parlamento galego ou das Cortes Generales a través dunha proposta que require a aprobación de 2/3 do Parlamento, a aprobación das Cortes mediante Lei Orgánica e o referendo positivo dos electores.


Constitución española do 1978


Art. 3-1. O castelán é a lingua española oficial do estado.
Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala

Art. 3-2 As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas
Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos

Art. 3-3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España
é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.


Lei de Normalización Lingüística (1983)


No curso 79-80 comeza o ensino do galego na escola. Co réxime democrático Galicia convértese en Comunidade Autónoma, tendo como linguas oficiais o galego e o castelán, aínda que a Constitución marca o dereito e o deber de coñecer o castelán pero só o dereito de coñecer o galego para os cidadáns galegos, o que provoca unha cooficialidade asimétrica. Durante os primeiros anos da preautonomía e da autonomía as medidas de fomento do galego centráronse no ensino[22], así o decreto do 20 de xullo de 1979 permitiu a incorporación do galego ao ensino como materia. Entón, estableceuse no sistema educativo un polémico Decreto do Bilingüismo, que establecía o ensino do galego, e permitía o ensino en galego, mais neste último caso tiña que ter como condicionante o visto e prace dos pais ou titores (cuxa opinión era manipulábel e estaba cargada con prexuízos negativos coa lingua que acostumaban falar), o que produciu alumnado e profesorado represaliado por varios institutos e colexios da comunidade galega.

Posteriormente o Parlamento galego aproba por unanimidade a Lei de Normalización Lingüística (1983), o instrumento máis importante de planificación lingüística, que incluía no artigo primeiro o deber de coñecer o galego, mais este punto foi suprimido por sentenza do Tribunal Constitucional ante un recurso presentado por Domingo García-Sabell, delegado do Goberno central na Galiza e á vez presidente da RAG. En virtude da LNL o galego entra como materia e lingua, canda o castelán, vehicular do ensino. Vexamos algúns dos artigos máis relevantes:


art. 2. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma.

art. 4-1. O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma.

art. 6-4. A Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporación Locais deberán facelo
de acordo coas normas recollidas nesta lei.

art. 10-1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.

art. 12-1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial
no ensino en todos os niveis educativos.

art. 18. O galego será a lingua usual da radio e da televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia
das institucións da Comunidade Autónoma.


OUTROS DECRETOS >



Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego
(1882 e 2003)

Paralelamente a unha lexislación reguladora dos usos do idioma, cumpría a elaboración dunha lingua estándar. O Instituto da Lingua Galega (creado en 1971) e a Real Academia Galega propoñen en 1982 as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que acadan o carácter de oficiais coa promulgación da Lei de Normalización Lingüística. A revisión máis recente destas Normas, que integra en parte algunhas posturas reintegracionistas, é de 2003. 
(http://gl.wikipedia.org/wiki/Normativa_oficial_do_galego#A_primeira_normativa_oficial)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario