"Os pinos". Himno galego. Eduardo Pondal.

O himno galego, coñecido como Os Pinos, é o himno de Galiza como entidade política. O texto está tirado do poema Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal, concretamente das dúas primeiras partes, e a música é da autoría de Pascual Veiga.

Historia

Estreouse na cidade da Habana o 20 de decembro de 1907 e, ao igual cá bandeira de Galicia, é froito da emigración. Desde 1907 até 1923, o himno galego foi cantado por rexionalistas e agraristas nos seus actos e devagariño foi sendo aceptado e recoñecido como tal, impoñéndose a outras propostas como o Himno da Acción Gallega. Cando se prohibiu o uso durante a ditadura de Primo de Rivera, as sociedades galegas de América intensificaron o seu interese pola súa interpretación pública. Durante a Segunda República acadou un certo grao de recoñecemento, porén non chegou a ser considerado oficialmente como Himno de Galicia.
Sufriu un rexeitamente frontal durante o período do franquismo no Estado Español, e mesmo durante a etapa de aperturismo só se cantaba, todo o máis, en actos culturais, e unicamente a modo de simple canción, unha máis de tantas do vasto folclore galego. Dende 1960 comeza a interpretarse de xeito máis explícito, aínda que disimulando os seus aspectos ideolóxicos. En concreto, cantábase só a primeira parte. En 1975, mentres tiñan lugar uns actos folclóricos na festa do Apóstolo, a xente comezou a se erguer das cadeiras para entoalo. Ao ano seguinte instaurouse este costume de xeito definitivo na Praza da Quintana, sendo así mesmo ratificado polas autoridades competentes e asistentes ao acto. Ao cabo, a maioría dos partidos non nacionalistas haberíano asumir no decorrer da campaña electoral de 1977.
A primeira gravación da que se ten constancia realizouna o Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo o 19 de novembro de 1918.

Xénese e motivos do texto

O texto do himno é froito da correspondencia que mantiveron Eduardo Pondal e Pascual Veiga en 1890, no que o compositor lle solicitaba ao escritor un texto para unha partitura que ía presentar con motivo dun certame que ía elixir o mellor himno galego para o caso que o premio resultase deserto. Logo de varias redaccións envioulle un primeiro texto que titulou Breogán. Pascual Veiga solicitoulle algúns cambios na acentuación para adaptalo ritmicamente á música.
O texto definitivo publicouse xa como Os Pinos por primeira vez o 22 de maio de 1890 nun folleto do certame musical que convocara o Orfeón nº 4 da Coruña para elixir a mellor Marcha Rexional Galega. O texto apareceu tamén n'A Monteira e en El Eco de Galicia da Habana. Ao final, aínda que houbo ensaios, o himno non se chegou a interpretar. A maioría das versións do texto derivan do texto que apareceu na número 18 da revista Galicia da Habana en 1905. En 1935 o texto integrouse na segunda edición, realizada pola RAG, de Queixumes dos pinos, base das versións modernas do texto
O motivo central do texto é que Galiza debe acordar do seu sono (apatía política) e emprender o camiño cara a liberación. Para iso deberá escoitar a voz dos rumorosos piñeiros, ou sexa, o pobo galego como entidade nacional histórica.
O nome do país non figura en ningures no poema, como é habitual en Pondal, e fanse referencias metafóricas ao "Fogar" e á "Nazón" de Breogán.
Ademais do celtismo e do helenismo sempre presentes na obra de Pondal, foi a súa capacidade para penetrar nos sentimentos do pobo e expresar as súas aspiracións fundamentais, o que posibilitou o seu éxito.

Letra

En 1890, cando foi escrito o poema orixinal, aínda non existía unha norma ortográfica establecida do idioma galego. A letra do himno oficializada en 1984 seguiu a normativa ortográfica vixente (Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego) no devandito ano, polo que, consecuentemente, existen certas diferenzas gráficas entre a letra do himno e a versión orixinal do poema de Eduardo Pondal.


-¿Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
¿Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

-"Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais só os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a rendezón da boa
nazón de Breogán".


Tamén: http://www.galiciaespallada.com.ar/himno_galego.htm
Ou > http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=hmXAB9rvFWE#!
E tamén en > http://www.himnogallego.com/index.php

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario