¿Que é o Correlingua?

      CORRELINGUA é a denominación que adoptaron de maneira común a partir de 2001 as diversas carreiras en prol do idioma que se convocaron no país.
É unha proposta de carácter lúdico, educativo, e reivindicativo que pretende convidar á mocidade e aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de garantir o seu futuro.
      O Correlingua, que xa vai pola súa décima edición, alcanzou ao longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do alumnado, así como o apoio de persoeiros e organizacións de todo tipo.
      Desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a CIG-Ensino, A Mesa pola normalización Lingüística, e os concellos de Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo viñemos organizando unha actividade de carácter nacional que transita dunha a outra localidade cun denominador común que é a dinamización lingüística da mocidade.

  • Destinatarios/as:
      As actividades do Correlingua –especialmente as actividades preparatorias (certames, concursos, pancartas, etc.)– diríxense fundamentalmente ao alumnado de centros de ensino , tanto de titulariedade pública coma privada, de diferentes niveis. Xa que logo, contamos coa participación de nenos e nenas de educación infantil, primaria, secundaria e postobrigatoria.
      Porén, as actividades non se circunscriben ao alumnado, senón que a través de fórmulas de colaboración varias, participan tamén entidades asociativas de ámbitos diversos. Asemade, coa difusión en medios de comunicación e coas propias actividades espállanse tamén mensaxes de defensa e promoción da lingua na sociedade en xeral.


  • Cal é a finalidade do Correlingua?
      Se temos en conta a importante perda de falantes de galego que reflicten os estudos que se veñen realizando e que se está a producir entre a poboación máis nova é evidente o interese que ten a dinamización lingüística entre a mocidade.
      Por isto cómpre chamar a atención de todas as instancias político-sociais a respecto de intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma. Asemade, cómpre facelo incorporando a mocidade coa súa participación activa.
  • Os obxectivos concretos do Correlingua que desenvolven e enriquecen a idea anteriormente exposta son tres:

1.- Propiciar a reflexión sobre a situación da lingua e a importancia de activar as accións en prol dela.
2.- Sensibilizar a sociedade, a través da poboación xuvenil, da importancia da defensa da lingua.
3.- Asociar a reflexión lingüística a actividades colectivas, lúdicas e amenas, e interdisciplinares. 
                 http://www.correlingua.org/
                  http://correlingua.blogaliza.org/ 

Os nosos "Correlinguas" dos anos 2006, 2007, 2008, 2009, 2010, 2011 e 2013 en > http://endlasmercedes.blogspot.com.es/search/label/Correlingua

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario