Venceredes vós. DARÍO XOHÁN CABANA, de "Cabalgada na brétema" Edit. Galaxia-Colec.Dombate nº 47/ Vigo, 2006

Venceredes vós.
Pero nosoutros
temos da nosa parte
os carballos de abril,
as espadanas, a ouricela,
o pan de sapo, as beloritas,
a ra de San Antón, o vagalume,
a troita, a vacaloura,
o xabaril e o corzo,
o mascato e a rula.

Venceredes vós,
pero nosoutros
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,                                             CABALGADA NA BRÉTEMA
o Castromao, o Xallas, as lagoas                                                 (DE RERUM NATURA
innumerables de Valverde,                                                     YOU SHALL OVERCOME) 
ou de Antioquía, o labirinto
de Mogor, as encuastras
de Novelúa, o edículo
de San Miguel de Celanova,
o dolmen de Dombate.

Venceredes vós, romperedes a infinda cadea que nos une coas trabes do mundo,
pero nosoutros mergullamos a boca nos mil ríos de sangue que estercaron a patria,
e no noso partido militan todos os defuntos que nos poñen aínda a bosta nas zocas,
o cheiro a argazo nos fuciños, o trono da forxa nas orellas, a terra que xa son nas unllas.
E as feridas de ferro ou negro chumbo e pólvora nos corazóns atribulados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Grazas polo comentario